16 abril 2024

Notas musicais

Concerto da Banda das escolas mancomunadas en Friol

Esta entrada xorde ao sermos coñecedores do concerto que a Banda das escolas mancomunadas de música de Rábade, Outeiro de Rei, Begonte e Friol, desenvolveu o pasado domingo día 7 de abril na praza friolesa de Andón Cebreiro con notable éxito.(As fotografías que acompañan esta entrada foron facilitadas por Melani Coedo).
Solo de trombón
O interese pola creación de bandas de música municipais e mesmo parroquiais no derradeiro terzo do século XIX e primeiro do XX propiciou con seguridade que o concello friolés tentase a creación da "Lira de Friol" banda que deu os seus primeiros pasos en abril de 1936.
O 18 e o 19 dese mes celebráronse unhas festas que serviron de estrea para a citada formación ( no Diario de Galicia "Alborada" de 16 de abril de 1936 dábase cumprida conta das festas organizadas con motivo da constitución da citada Banda).
Polo que intuímos deberon ser os primeiros  pasos e tamén os últimos. Achegábase o golpe de estado franquista, a destitución da corporación municipal impulsora da posta en marcha da agrupación musical e entendemos que non foi posible continuala. (Non atopamos de momento máis referencias á Lira  de Friol, mágoa! 
As bandas de música eran un elemento fundamental nos tempos en que eran de necesaria presenza nas festas co protocolario pasarrúas que iniciaban as mañás festeiras. Pouco a pouco foron desprazadas polas orquestras ( menos numerosas e máis fáciles de desprazar). Resisten algunhas e estanse recuperando e creando outras. Esperemos que esta Banda das escolas de Rábade teña permanencia no tempo o que sería de agradecer para axudar a lle facer fronte a certos tipos de ritmos invasores e invasivos que agriden o bo gusto musical.
Nerea Cobas nunha das súas actuacións na TVG
Por outro lado, nestes últimos meses, Nerea Cobas Loureiro participa como recanteira no concurso Recantos (sección do lonxevo Luar da TVG) e con moito éxito se damos creto ás cualificacións acadadas ata o momento. Se non estamos errados vai en cabeza. Esta antiga e moi boa alumna con orixes na parroquia de Narla está dando que falar coa súa voz, ferramenta básica do citado concurso.
Gran Teatro ( La Voz de Galicia)
Tempo atrás, moito tempo atrás, cando a “Cadena Ser” promovía concursos musicais provinciais para novos talentos da canción, a fins do cincuenta do pasado século, outro friolés “Jesusín” de San Martiño de Condes, concretamente d’As Pardellas, gañaba o “Micrófono de oro” concurso desenvolto na capital lucense no demolido Gran Teatro e auspiciado pola emisora local Radio Lugo.

Jesusín, nome artístico de Jesús Iglesias Torres, era un rapaz de dez anos que bordaba as cancións de Joselito, o seu ídolo, e en xeral calquera canción das chamadas "españolas". Tal foi o éxito acadado que con ocasión da entrega de premios, digamos que como contraprestación ( tan usual naqueles tempos) levárono ata o Goberno Civil onde lles cantou ás fillas do propio gobernador (segundo recolle a prensa provincial).
O triunfo no Micrófono de Oro abría as portas , sobre todo aos gañadores a poder participar en diferentes festivais artísticos que ben a a propia Radio Lugo ou o citado Gran Teatro organizaban con relativa frecuencia.

Seguir lendo...

03 abril 2024

Alcaldes frioleses do século XX

Casa do concello nos anos 60. Foto de J L Vega,.Arquivo Histórico Provincial de Lugo

O século XX iniciouse con cambios continuos na alcaldía friolesa que xa fora nota característica das corporacións no XIX.
Esta situación de inestabilidade era debida unhas veces a destitucións por parte da autoridade gobernativa, outras a alcaldías accidentais, corporacións bicéfalas (1)... todo, produto dos intereses enfrontados duns e outros que chegaban mesmo a actitudes obstrucionistas, a continuos recursos de alzada que se prolongaban no tempo (2) e á actitude revisionista de cada corporación con respecto ao feito pola anterior (3).
No diario "El Regional" de 3 de novembro de 1901 ( cando xa Jacinto Rodríguez García e a súa corporación fora destituída - outubro dese ano- "por irregularidades na contabilidade municipal" e mesmo "abandono no control da mesma" e ían celebrarse novas eleccións)  publica un solto que exemplifica a situación de enfrontamento na que participan todas as "forzas vivas" do concello con intereses encontrados:
"Nos dicen de Friol que las elecciones municipales se presentan allí muy reñidas. Con tal motivo, varias personas influyentes del distrito recorren las casa de los electores. Esto no tiene nada de particular, pero entre esas personas hay una que ejerce autoridad, la cual amenaza con la mayor persecución a los que él cree sus adversarios.
Confiamos en que dicha autoridad, en vista de esta queja de sus administrados, dejará de ejercer coacción, dedicándose sólo a administrar justicia, que es la misión que en aquel distrito tiene, sin mezclarse en la contienda electoral" 
Por aquelas datas exercía como xuíz municipal Genaro González-Rosón Neira.
Polo que sabemos non só eran os xuíces municipais os que tomaban partido por uns ou outros; secretarios tanto do xulgado como do propio concello, non quedaban atrás, ( algún de xeito prolongado e destacado) sen esquecer, claro está, a opinión dos diferentes párrocos que desde os púlpitos impartían doutrina ( falaremos disto nunha proóxima entrada que temos pendente) 
Neste clima Manuel Carballido Casanova volve ser alcalde, posto que ocupara xa anteriormente; falece exercendo como tal en outubro de 1902.
No ano 1903 é nomeado Ángel Martínez Neira (4) da parroquia de Xiá. Este alcalde é o que permaneceu máis tempo presidindo o concello ata ese momento, redondeando os vinte anos. Casado en segundas nupcias coa mestra Vicenta Puga, promoveu, xunto cos mestres e párrocos, festas da árbore ( ver ligazón). No verán do ano 1923 por motivos de saúde abandona a alcaldía progresivamente, sendo substituído en outubro polo mestre  Celestino Gallego da parroquia de Guldriz, pero por pouco tempo, xa que en 1924 accede á alcaldía José Casanova Cobas. 
Baixo o seu mandato construíuse o edificio do concello: o actual (ver entradas anteriores) o que xerou grande polémica  que acabou co seu cese en xullo de 1928 por parte da autoridade gobernativa.(5)
Vaino substituír Segismundo Grande Varela ( aparece por primeira vez este home que vai asumir posteriormente a primeira alcaldía da ditadura en 1936 xa nos primeiros días do golpe de estado fascista). Nesta primeira andaina estivo no concello desde este 1928 ata o ano 1931. 
En maio dese ano foi reposto como presidente da corporación José Casanova Cobas; pero as augas baixan revoltas Narla abaixo e o 1932 comeza co nomeamento de Domingo Antonio Carballido Casanova en xaneiro ( que tamén exercera anteriormente  de xuíz municipal, cargo que volverá ocupar anos máis tarde), para posteriormente, en febreiro, e por renovación de parte dos concelleiros,  estes novos deciden nomear a Jesús Corral Vigo
Durou pouco esta bicefalia, pois no verán volveu coller Casanova Cobas as rendas do concello que xa non abandona ata o seu falecemento en marzo de 1935 (6).
O período que vai desde esa data ata xullo de 1936; o cargo asúmeo José Gonzalez-Rosón Losada.
No tráxico verán do 36 é destituída toda a corporación e expedientada con algunhas sancións gubernativas por parte das autoridades do novo réxime (7).
É o momento en que Segismundo Grande cos parabéns das forzas máis reaccionarias do concello volve á alcaldía; está no cargo ata mediados dos anos cincuenta, falece no 1960 (8) 
Algún dos alcaldes frioleses do século XX

Os anos 1956 e 57 é Enrique Camoiras García o que ocupa a alcaldía (tócalle presidir a inauguración do novo cuartel da Garda Civil -  ver ligazón- ).
Inauguración do Cuartel da G Civil. 1956

En outubro de 1957 nomean alcalde  a Manuel Andón Cebreiro que preside o concello ata o seu falecemento en setembro de 1975. Cremos que non hai ninguén no concello que non lle recoñeza o  grande labor que fixo e a súa bonhomía (ver entradas). Coma homenaxe a praza máis importante do concello leva o seu nome. 
Casa de Manuel Andón na praza citada, hoxe destinada a hotel
 
Vacante a alcaldía, ésta é ocupada polo, naquel momento, director do colexio friolés, Jose María Varela Guerreiro ata o ano 1979 no que se celebran as primeiras eleccións democráticas.
A partir dese momento (abril dese ano) falaremos noutra entrada 

Listado de alcaldes do século XX


Notas 
(1) Exemplo témolo no ano 1932 como xa quedou indicado. 
(2) Os recursos de alzada por parte dos concelleiros destituídos estaban á orde do día. Sinalar que cando o cesamento de Jacinto Rodríguez non só se interpuxo o recurso senón tamén deu orixe a unha pregunta parlamentaria no Congreso por parte do deputado lugués Vázquez de Parga.
(3) As revisións do feito pola anterior corporación era o pan de cada día e enche actas das diferentes sesións municipais nos Boletíns Oficiais da Provincia
(4) Pai de Manuel Martínez Mendoza propietario fundador da Casa de Neira no Campo da Feira do concello e no seu momento xefe local do Movemento e mesmo xuíz municipal e posteriormente de paz.
(5) Dentro das tirapuxas entre os partidarios de Casanova e Grande, relata un comentarista anónimo do noso blog que "na casa de Terrón, no Campo da Feira, aínda se intúe unha pintada feita no 31, que poñía inicialmente: "CASANOVA NO" feita polos partidarios de Segismundo Grande. A pintada, outra noite, foi completada polos partidarios de Casanova que lle engadiron: "...PERDERÁ" modificando completamente o significado inicial da mesma."
(6) Nos anos do 1934 a xullo do 36 actúa con relativa frecuencia como alcalde accidental Manuel Grande Penas , ben por ausencias por enfermidade de Casanova ou por ausencia por atender asuntos na capital de Rosón Losada.
(7) Recomendable a lectura que a Friol dedica  María Jesús Souto Blanco no seu traballo "La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940)" amén de diferentes entradas sobre ese periodo neste blog.
(8) Sendo alcalde as propias autoridades franquistas de "Abastecimientos y transportes" sancionan a Segas (como era coñecido na vila) con unha multa de 5000 pesetas no ano 1940 por  "compra y transporte clandestino de ganado" El Correo Gallego 31 de xaneiro de 1940.
A sanción só aparece publicada neste xornal santiagués e o certo é que non sabemos como acabou a cousa. 

Seguir lendo...

19 marzo 2024

Memoria da 'cartelería' das Feiras do queixo de Friol e do pan de Ousá

Seguir lendo...

05 marzo 2024

Os nomes das casas: A Libureira da Pena de Cotá

Lebre ©Shutterstock
A raíz da publicación da entrada na que falamos de J. María Longarela veciño do barrio da Pena de San Martiño de Cotá (ver ligazón) e vía Brais Rodríguez Romero, soubemos do nome da casa deste veciño friolés:A Libureira. Sonoro nome que nos chamou a elaborar este texto. 
Segundo nos comentou Brais, o da Libureira vén de vello, pois segundo o Longarela xa a súa bisavoa era coñecida pola Libureira ( e estamos falando dun informante cos noventa anos ben sobrepasados).
É curioso que nas guías telefónicas do concello feitas pola rapazada do colexio friolés a fins dos noventa ( nós posuímos as dos cursos 1996/97 e 1999/2000) non apareza referida a citada casa con ese nome: nunha delas só aparece o nome do propietario e na máis recente aparece como Casa do carpinteiro; porén a veciñanza recoñece axiña a casa pola Libureira ( comprobámolo estes días).
Xa dixemos noutro lugar que os nomes das casas agochan verdadeiras historias e tesouros. 
Códice Calixtino (Arquivo Catedral de Santiago)
Tendo en conta que A Libureira, Libureira, O Libureiro, Leboreira, A Liboreira , Leboreiro e O Liboreiro comparten todos o étimo "Campus Leporarium" xa citado no Códice Calixtino no século XII , e que vén sendo "monte de lebres". No Códice faise referencia a Santa María do Leboreiro no Camiño de Santiago ao seu paso por Melide. 
A nosa Libureira podemos pensar que é derivación polo peche tanto do “e” como do “o” pasando de leboreira a libureira. 
Fenómeno vocálico que tamén está presente na parroquia de Narla.
Casa do Tuxaleiro
Todos, na fala, facemos referencia á *Purreira cando citamos a casa do Tuxaleiro ( hoxe no candeeiro, polo traballo de Cristina Barreiro ao que facíamos alusión na entrada anterior, por ter elementos arquitectónicos renacentistas).   Pois ben, *A Purreira como abundancial de porros (allium porrum) os allos porros, aclaramos, debería ser, e así o recolle o Nomenclátor, A Porreira.
Ao igual co nome da casa Tuxaleiro que para ben ser deberiase falar de Toxaleiro pois aos toxos fai referencia. 
O por que do nome na Pena? Pois calquera hipótese é posible.
Casa de Mantelle (Miraz)
Noutras parroquias da xeografía municipal atopamos nomes de casas co topónimo dun lugar de outra parroquia ( casa Mantelle en Miraz por exemplo: casa que inicialmente foi vivenda de veciños que viñeran do lugar de Mantelle de S Mamede de Nodar
Existe a posibilidade que esta Libureira da Pena fose casa de alguén que se asentou en Cotá  vindo dunha outra Leboreira (por exemplo da de Guldriz ( a poucos quilómetros) ou doutras que atopamos no concello de Palas de Rei ( Augas Santas e A Repostería). 
Pero só é unha hipótese, a verdade que imos quedar sen saber a orixe do nome ( polo menos de momento) 
Só queda agradecer a Brais Rodríguez polo fío!

Seguir lendo...

02 marzo 2024

Cristina Barreiro Abuín, nova doutora

Onte na Facultade de Humanidades, Campus Terra de Lugo, tivo lugar a defensa da tese doutoral  "La huella renacentista en las edificaciones del obispado de Lugo. Autores y obras" por parte de Cristina Barreiro Abuín.

Esta tese na que a autora leva investigando unha década toca de cheo algúns dos edificios emblemáticos do concello friolés. Desde a Torre de S Paio ata a igrexa de Guimarei o civil e o relixioso entrecrúzanse neste extenso traballo.

Como petisco xa leramos o traballo gañador do primeiro premio de investigación de Friol: "A arquitectura renacentista de índole civil e relixiosa en Friol. Posta en valor e dignificación" que alborexaba os inicios do que posteriormente foi este traballo de investigación.

Desde este caderno dixital só quedar felicitar á nova doutora e desexar que canto antes poidamos fincarlle o dente na segura publicación desta tese que sen dúbida ha ser referente para estudos que se poidan desenvolver nun futuro.

Parabéns Cristina!   

Notas

As ilustracións están collidas do muro de facebook de Jesús Rodríguez Rodríguez 

Por outra parte felicitar tanto a J. Antonio Barreiro ( o noso compañeiro de fatigas adolescentes) e Paquita Abuín ( compañeira de múltiples aventuras creativas) como pais da nova doutora.

Seguir lendo...

28 febreiro 2024

Friol: alcaldes do s XIX

Selo do Concello 1876

O século XIX marcado polos continuos vaivéns que o zarandearon, entre golpes de estado, pronunciamentos, constitucións de distinto signo, alternancia entre liberais e conservadores, diferentes tipos de sufraxio, continuas modificacións electorais...  ao tempo vai aos poucos deixando atrás o sistema xurisdicional do Antigo Réxime e impoñendo un sistema liberal, cunha clara aposta pola división "formal" dos poderes, non sen os consabidos contratempos e reticencias por parte dos sectores máis conservadores da sociedade decimonónica hispana.
Friol non queda á marxe destas continuas novidades, avances e retrocesos apoiados sempre no vento que soprase de Madrid a través dos delegados ou xefes gubernativos que ocupasen o sillón, en cada momento, na capital provincial.
Na primeira metade do século coa creación no 1833 das provincias, posteriormente a creación dos partidos xudiciais (1834), logo no 1837 coa supresión das xurisdicións e   por último a conseguinte creación duns novos concellos e eliminación das funcións xudiciais das que gozaban con anterioridade os vellos alcaldes impostos pola monarquía (1840), póñense os alicerces para construír a rede municipal que interesaba ao sistema. 
Antiga casa do concello das Terras da Orde (Guntín, Carballo)

Neste contexto polo que atingue a Friol, suprímense os vellos concellos que conformaban estas terras ( Terra da Orde, San Paio de Narla, Friol , S Pedro de Narla e Torredez) que quedaron unificados no concello friolés, o actual poucas variacións sufriu.  
No 1845 xa o concello está conformado polas trinta e dúas parroquias que coñecemos a día de hoxe
A relación de alcaldes que ocuparon a presidencia das primeiras corporacións constitucionais iniciámola no bienio 1844-45. 
De antes non fomos quen de atopar datos, ao igual que hai algún ano do que carecemos de datos documentais que acrediten a presenza dun determinado alcalde.
Lembremos que o 6 de agosto de 1874 o pobo  amotinouse cando se estaba realizando o sorteo da quinta extraordinaria ( mozos para iren ao exército) e queimou os arquivos municipais co que se perdeu unha grande parte dunha boa fonte de información (ver entradas sobre o carlismo)
O que quedou da queima do 1874 


A lista de alcaldes do século XIX é a seguinte



Notas:
Indicar que se observa como hai anos que se solapan os alcaldes e mesmo algún ano como hai un continuo baile de sillóns : as denuncias interpostas polos que perden as eleccións xeran suspensións cautelares que son aproveitadas polos adversarios para ocupar a alcaldía.
Nalgún caso podemos deducir que algún dos ocos pode estar ocupado por algún mandatario ( caso de 1860 por exemplo) que xa estaba e seguiu estando os anos anteriores ou posteriores. Deixamos o ano en branco porque non demos con ningún documento asinado que nos dese pé a ter esa seguridade.
Do único  alcalde que non demos coa parroquia con seguridade é o do bienio 1865, 66 José García   

Seguir lendo...

23 febreiro 2024

O Museo Provincial de Lugo: O neno arqueólogo

José María Pérez Longarela no Museo de Lugo

En novembro de 2008 cando o Museo Provincial de Lugo estaba rematando a celebración do seu  75 aniversario e este blog estaba dando os seus primeiros pasos, publicamos unha entrada facendo referencia aos achados atopados nas terras friolesas que estaban depositados no citado museo (ver ligazón)

Foi o inicio dunha relación fluída coa Rede Museística Provincial que desde sempre facilitou grandemente as actividades que tiñamos previstas desenvolver baixo o paraugas de "Friol:algo máis que pan e queixo". Choveu algo.

Do inxente labor que está realizando a citada rede museística para integrar o mundo dos museos na contorna social e o aproveitamento dos seus recursos para desenvolver infinidade de proxectos nos que implicar a todo o tecido social, nada temos que engadir máis ca os nosos parabéns; basta con botar unha ollada á web dos museos e os seus muros nas diferentes redes sociais. 

Un luxo para a provincia contar cun equipo de profesionais tan implicados e activistas con todo aquilo que ten que ver coa cultura no seu amplo espectro.

Pois ben , días atrás desenvolveuse no Museo Provincial de Lugo unha actividade na que volve estar presente Friol ( lembramos con cariño a participación do noso grupo de teatro na revista oral  "O pazo das musas").

O museo invitou ao veciño de Cotá que sendo neno deu, ao se abrigar da choiva na Pena e Cova dos Malreiros ( na memoria do pobo) ou Merleiros,  cun molde bivalvo hoxe no fondo do Museo.

Compartimos aquí a nova publicada en instagram pola rede museística:

Molde bivalvo de Cotá. Museo de Lugo
"Os machados de talón foron ferramentas metálicas difundidas durante o Bronce Final na Península Ibérica. 

Falamos de pezas de hai máis de 2.800 anos cunha función descoñecida. Quizais votiva, para faceren ofrendas, ou tal vez enxeñosa fórmula para acumular metal, é probábel que tamén se empregaran como moeda de cambio. Non se sabe. 

Impórtanos que os machados chegaron a Galicia dende o arco Atlántico, Francia ou Inglaterra, e que, quen aquí viviron, desenvolveron a súa propia tecnoloxía para fundir cousas moi semellantes. Crearon moldes de fundición de bronce coma o que vedes. Moldes bivalvos para encaixar, verter a aliaxe de metal líquido, a uns 1.200 graos de temperatura, e producir machados en cadea, en serie, de entre 15 e 50 reutilizacións.

O Molde Bivalvo de Cotá, o único conservado en Galicia, está exposto no Museo Provincial de Lugo. 

Xa figuraba sinalado como “artefacto curioso” na primeira guía do museo, editada o ano 1947. 

Na Arqueoloxía resulta crucial o contexto físico das pezas atopadas. Na Historia social, e na memoria, tamén. 

O molde foi achado o verán de 1944 no lugar da Pena, cabo do río Narla, na parroquia de San Martiño de Cotá, concello de Friol. Hoxe tivemos de visita ao neno que o descubriu hai 80 anos. 

José María Pérez Longarela paseaba o gando Cotá adiante cando rompeu a chover. A tormenta de estío levouno a buscar acubillo baixo unha árbore. Fitou o chan e distinguiu un brillo. Coa mesma vara de lle afalar ás vacas sacou á luz o molde. 

Ingresou no Museo naquel ano, a cambio de dez pesetas, pois, dixemos, os machados foron moeda de cambio, no Bronce Final e na Posguerra. 

Nós quixemos corresponderlle ao vello que sendo neno levou o gando de excursión arqueolóxica. 

Atopaches unha excepción de bronce, querido José María! 

Grazas de corazón pola túa historia".

Participamos do agradecemento ao que sumamos ao Museo polas facilidades que nos deu para a publicación desta actividade no noso blog. 

Grazas

Seguir lendo...

14 febreiro 2024

De triduos, cinza e sardiñas

Enterro da sardiña. Lugo 1985 (Foto J L Vega) 

Hoxe catorce de febreiro dependendo da óptica coa que miremos o calendario celebramos o san Valentín, o Enterro da Sardiña ou o Mércores de cinza.
Desde fins do século XVII (que nós saibamos) a igrexa católica instaurou os chamados Triduos de Carnaval que, pese ao nome,  é  un conxunto de exercicios relixiosos que se celebran ao longo dos tres días máis importantes do Entroido ( domingo, luns e martes) e realízase nos templos para desagraviar e expiar os “excesos” das festividades profanas que desenvolve o pobo eses mesmos días.
Como punto final a igrexa remata coa imposición da cinza o mércores que inicia a Coresma. 
Estes triduos, dependendo do momento histórico, tiveron un maior ou menor impacto na poboación: a tempos máis escuros maior importancia. Na actualidade seguen a celebrarse pero cun perfil máis baixo e mesmo (cremos) de xeito moi puntual.
Se botamos a vista atrás vemos que El Progreso do 16 de febreiro de 1915 informa sobre a celebración “en todas las iglesias” segundo costume, “en los tres días de Carnaval, el triduo de desagravios".
Lemos no mesmo diario o 28 de febreiro de 1936 esta nova de Monforte de Lemos: "No podían faltar en estos días de Carnaval en que tanto se ofende a Dios, cultos de desagravio al Crucificado. En varios templos estuvo expuesto el Santísimo y fueron muchos los fieles que acudieron a visitarle. 
En la iglesia conventual de Santa Clara se celebró además, un solemne triduo que estuvo concurridísimo y en el cual ocupó la sagrada cátedra el notable orador P. Gaite, que pronunció tres sermones de gran provecho espiritual"
Pois ben, Friol non queda á marxe desta práctica e así vemos no Boletín do Bispado de Lugo de 21 de maio de 1900 na epígrafe “Cultos en las parroquias” ( pax, 224) como  Fernando Piñeiro, cura párroco de Ousá e Cotá naqueles tempos, indica no seu informe que "se han hecho los ejercicios preceptuados por el señor Obispo". (...) "El 25, 26 y 27 de febrero ( domingo, luns e martes de Entroido) tuvimos el triduo con la estación de desagravios, plática y Santo Rosario..."
Só temos esta referencia destas dúas igrexas friolesas pero de seguro era común, se non en todas, na maioría.
Na actualidade mantense o rito da imposición da cinza.


Aínda que non en todos os lugares, hoxe celébrase tamén o profano Enterro da sardiña no que hai coplas, críticas, ladaíñas, ferretes, plañideiras, e desde logo enterro que con gran dor dos asistentes informa que o Entroido rematou ou case.
Certo que dependendo dos lugares o ciclo de Entroido xa se pechou onte coa queima do Meco ou prolóngase ata o vindeiro domingo.

Fotografías
A primeira pertence ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo e obtivémola do muro do facebook " Ollar Galicia. Fotografía antiga"
A segunda é extraída do muro O parladoiro de Friol e reflicte a queima do meco do CPI Dr L. Súarez. 

  

Seguir lendo...

09 febreiro 2024

Meu carriño cantareiro

 


Estabamos expectantes por ver a o meco deste ano e resulta que nos sorprenden coa obra dun bo fragueiro e de seguro uns bos axudantes.

O carro que nosa terra é máis cun simple elemento de transporte, é un elemento icónico da nosa cultura reflectido en cantigas

Se queres que o carro cante 

 móllalle o eixe no río 

 despois do eixe mollado 

 canta coma un asubío. 

Se queres que o carro cante 

 bótalle o eixo de bido 

 as treitoiras de carballo 

 e as cuñas de sanguiño

 Cantado en poemas dos nosos egrexios: Ramón  Cabanillas (ver ligazón)

Meu carriño cantareiro! 

O de xugo e cabezalla 

coa puntita da navalla 

pulidos da miña man!

ou o poeta chairego Manuel  María ( ver ligazón)

Non canta na Chá ninguén 

por eso meu carro canta 

canta o seu eixo tan ben  

que a señardade me espanta 

Carro que de un ou outro xeito aparece nas festas do san Xoán, no Entroido: ben cargando con mecos ou sendo escondido ou desprazado do seu lugar (antigamente contábanse moitas anécdotas ao respecto).

Pois ben, este carro que encabeza a entrada, encabeza tamén, hoxe, as coplas de Entroido que nesta páxina publicamos de vez en cando ( facer facémolas sempre) 

Esperemos gocedes da súa lectura senón azucre ou mel...nas filloas!

 COPLAS

O Entroido xa chegou 

ide preparando a orella, 

*pra que estea saborosa 

nós tentaremos quecela 

Diremos que pra as facer 

sempre pedimos licencia

e como non nola dan 

escribimos sen decencia 

 Este carro que aquí vedes 

non é un carro electoral !

Non teñas medo que vaia 

buscarte para ir votar !

E non van os lacazáns 

 repartindo cal posesos 

cartos de todos a esgalla 

pra manterse no goberno? 

Xa chegan as eleccións 

xa comezou a campaña,

ou consigo moitos votos 

ou o meu non se me amaña. 

Moito remexo este ano

espero teña o seu pago

un sillonciño ben alto

eu por menos non che paso!

Algo mais que pan e queixo 

éche fonte milagreira 

cando pensas que secou

volve como volve a feira!

 Sei que no centro da vila

pasou algo milagroso

a propaganda de algúns

sei que a comeu un raposo

Como sigan os refachos

a soprar con tanta forza

veremos o dezaoito

a algún cheo de vergonza.

E pra que rematen ben 

e teñades un bo martes 

coidadiño co lacón 

e tamén coas outras carnes!. 

E xa para rematar 

as coplas con alegría

pensade que queda pouco 

pra rematar a INVERNÍA

Deixamos para rematar un vídeo cos primeiros mecos deste século creados por Modesto Fernández e o seu alumnado


Bo Entroido!

Seguir lendo...

08 febreiro 2024

Tres novas, algún considerando e unha addenda


Hoxe xoves de comadres, sen orde de prelación ningunha, facémonos eco de tres (boas)  novas ás que engadimos uns considerandos e unha addenda como reza o título. 


En primeiro lugar celebrar a esperada proxección do vídeo que resume as actividades de “Cóntame un mundo” realizadas na vila friolesa o pasado mes de xullo, da man de Raquel Queizás e Alba Vales e que tan boa acollida tiveran (ver ligazón).
Poderase ver o próximo sábado dezasete de febreiro no centro sociocultural, aínda sen rematar de dixerir o Entroido e en plena xornada de reflexión ( lembrade que o domingo dezaoito podemos optar por seguir co desmantelamento dos servizos públicos ou non. Somos nós quen decidimos).

En segundo lugar celebrar o traslado da feira para o centro da vila. Aínda que máis ben habería que dicir que a feira volve ao lugar de onde nunca debeu saír. 
Corre a lenda entre a veciñanza que fala que o anterior alcalde gabábase de non facer gasto no comercio local. Nós non sabemos se sería certo, pero se cadra ese desleixo foi o que orixinou o desterro da feira ás aforas da vila, deixando esta orfa dun mercado que animaba ao pobo friolés a achegarse e facer algo de gasto nos locais comerciais (que nestes tempos toda achega é pouca). 
Pois ben, aínda que tardou máis do desexado ( este goberno municipal está na súa terceira lexislatura) e non sabemos se aproveitando a coxuntura electoral, devolven a feira á vila.
O que en tempos foi "feira do catro”, (ver ligazón) que no 2006 pasou a celebrarse o primeiro domingo de mes, e que desde hai máis de dez anos levábase a cabo no Mercado gandeiro volve ao seu. 

Por último unhas palabras para o cocido e posterior corrida do Entroido que se desenvolverá este sábado dez de febreiro. Organizada desde tempo atrás pola asociación Carballo Vivo vai collendo xa ton tradicional. Como todos os anos o punto de encontro é o seu local social ( antiga escola de Carballo). Á actividade está convidada toda a veciñanza, non só @s soci@s. 
Cremos que chegou o momento de propoñer un estudo serio e pormenorizado do vello Entroido friolés. Algunha entrada hai neste blog con información textual e mesmo gráfica tanto do Entroido nalgunha parroquia, como do carnaval vilego. Porén, é necesario recoller, revisar e recuperar toda a información que de seguro as persoas de idade teñen na súa memoria dos Entroidos da súa mocidade, ou da dos seus antepasados. 


Entroido 2006

No colexio friolés en tempos de Pepita Regueiro, Teresa Vila, Ana Núñez, Carlos Veiga,... desenvolvéronse actividades no propio centro co correspondente desfile pola vila. 
Nós mesmos temos participado elaborando unidades didácticas sobre este ciclo festivo onde non faltaba as coplas tan típicas destas festas.
O entroido xa está aquí 
darémoslle volta a todo!
Se quedase algo a dereitas 
dirían que estamos tolos. 
Das coplas do Entroido 2001 

Por non falar dos mecos ( xa tradición) elaborados polo alumnado de 4º da ESO na área de Plástica
Devecemos por ver a creación deste ano! 
Meco do Entroido 2007


Pois iso: alguén debería animarse a completar o estudo. 
Dicimos isto porque observamos como en moitos lugares da xeografía galega estase a facer esta recuperación, ben a través dos propios concellos ou pola diferentes asociacións culturais, e pensamos: por que en Friol non ? 
Mercado, Colmeiro

E vai a addenda:
O cartel anunciador do cambio de lugar da feira ( védelo nesta entrada) ) indica “A feira do mes volve ao pobo” 
Ao pobo non pode volver, porque o pobo é a alma máter da feira! Sen el non hai feira! 
Explicámonos: Como temos unha lingua moi rica, pobo en galego é exclusivamente o grupo humano,... de persoas cunhas características propias que o identifican , así falamos (pouco) do xenocidio do pobo palestino, do pobo galego chamado ás urnas, e mesmo podemos falar dun pobo friolés ben guiado. 
Porén se nos queremos referir a unha entidade de poboación, sexa a que sexa, debemos empregar outros substantivos e non trasladar o “pueblo” castelán ao noso “*pobo”.
Así podemos falar da vila de Friol, do concello de Friol, da parroquia de Carballo, da aldea de San Martiño, do barrio da Milagrosa,... Sería máis correcto, entón, que o citado cartel fixese gala de que 
“A feira do mes volve á vila”

Bo Entroido!

Seguir lendo...

18 xaneiro 2024

Memoria histórica: "El abismo del olvido"


Rematando o pasado ano, Astiberri publica “El abismo del olvido” historia gráfica de Paco Roca e Rodrigo Terrasa, impresionante obra gráfica do autor valenciano que deixa como pouso que non hai peor castigo que o esquecemento.
Consideramos que esta historia ten cabida neste blog porque a súa lectura fíxonos lembrar o traballo levado adiante por Blanca Castro co alumnado de ESO, nos cursos desde o 2008 ata o 2016, recuperando retallos dunha historia da que aínda hoxe se segue falando en silencio, “non chores que poden escoitarte” escribía L. Pimentel. (ver ligazón)
Friol non quedou á marxe da represión fascista ( conta a veciñanza  coa boca pequena como oufanos chegaban membros das chamadas forzas vivas da localidade despois de cometer os seus abusos chegando ao asasinato ( ver biografía de Antonio Iglesias Corral , por exemplo).
Esta memoria histórica, memoria democrática da que se fala no texto é algo incluído nos programas de educación secundaria,  obrigatoria e post-obrigatoria; non estaría de máis o ter nas bibliotecas dos centros un recuncho da memoria onde ter espazo para  libros como este de Paco Roca.
A trama desta historia narra os feitos do catorce de setembro do 1940 (ano e medio despois de rematar a Guerra) en Paterna onde doce homes son fusilados polo réxime franquista e enterrados nunha fosa común. A partir de aí conta a loita de unha muller para conseguir recuperar os restos do seu pai e todas as trabas que encontrou ata conseguir recuperalos e así restaurar a súa dignidade.
Non é de estrañar que xa case estea esgotada a primeira edición e estean traballando na súa reedición. 
Xa para rematar indicar tamén que esta lectura amena e pracenteira  permitiunos evocar as palabras de Jean Paul Richter: “A memoria é o único paraíso do que non podemos ser expulsados”.

Seguir lendo...

11 xaneiro 2024

As miñas filicitaciós (sic)


Xa falamos do notario por antonomasia en Friol no primeiro terzo do século XX, Higinio Fernández de la Vega e mesmo publicamos algunha das súas letras satíricas que encheron a prensa da capital da provincia a fins do XIX e principios do XX.
Traemos agora  as coplas intituladas "As miñas filicitacións"
Recollidas no semanario rexionalista A Monteira, publicación de curto percorrido, creado e dirixido por Amador Montenegro Saavedra que acubillou as creacións poéticas de Pepe d'as Festas pseudónimo do Fernández de La Vega.
Hoxe exactamente hai 134 anos da súa publicación ( once de xaneiro de 1890)

Aquí as deixamos tal como aparecen publicadas 

AS MIÑA FILICITACIÓS

Non morrín, gráceas a Dios, 

como algún sei que desexa

--Y-o chasco, s'é por herdarme 

ha ser grande abofellas--

Non morrín aínda e ben forte

cheguei ao ano noventa

Y-anque son desconecido,

Y-anque mal moitos me queiran

e me poñan car'a fosca

porqu'a verdá digo enteira,

o certo é qu'houbo presoas

ben aducadas y-atentas,

qu'o empezal-o ano que corre 

enviaronm'as traxetas,

 d'as que conta vou a dar

e perdoenm'a inmodéstea

os amabres suscriutores 

d'o somanáreo A MONTEIRA

Sin orden e sin concerto,

escagalladas n-a mesa,

teño, sin dicir mintira,

algunhas mais de trescentas,

E como canso siría

facel-a lista compreta,

vou tan soilo d'unhas cantas

a ocuparme y eso á presa

A pirmeira que tropezo

É d'unha siñora sérea

que quere vir pr'este pobo

e naide casa ll' arrenda

Anque pareza mintira

e diz "A Pepe  d'as Festas

electricidade un ano

de fertuna lle desexa"

Como ven os meus leutores

este cuase me tutea.

Outra tamén expresiva

fírmana vareas aceras 

que lixosas xa fai tempo 

están coa lama y-as pedras

A calle d'o Buen Jesus 

dam'as gráceas y -a Lameda

ó filicitarm'as  páscoas

encargame no-na esquenza

A Cañería, diz outra

e pas'o nome anqu'é leria

n-a compaña d'as pinchorras

e d'os lagartos que encerra

desexa un ano filiz

o siñor Pepe d'as Festas

A Muralla non m'esquence

anqu'a probe xa vai vella

e de calexós e rúas

recibín mais de corenta

todas pidind'o favor

de que diga n-A MONTEIRA

seis ou sete palabriñas

pra qu'outr' ó fin as entenda

Non m'estendo mais por hoxe

que xa vai largo; pro entendan

que lles qued'agradecido

a todos 

Pepe d'as Festas  

Seguir lendo...

30 decembro 2023

Téñenche unha areíña de sal de máis...

Queremos pechar as publicacións deste ano 2023 cun conto.
Non cos contos que nos contan a diario e que chegan a nós polas máis sorpresivas vías e que de non estarmos alerta, xeran expectativas erróneas caendo no engano no que pretenden que vivamos os especialistas das fraudes.
Sen irmos máis lonxe estes días andan engaiolando a orella dos dependentes avellentados co conto dos 5000 euros, que din universais.
E nestoutra ler o DOG onde aparece o contido real. 
O demais sonche contos!
E imos ao noso:  
De Lois Carré Alvarellos  xa falamos nunha entrada anterior e mesmo editamos o conto "Se calo , revento"  do seu libro "Contos populares da Galiza" contos recollidos por Carré  nas súas viaxes por Galicia adiante (viaxes nas que non esqueceu Friol ).
Na recompilación aparecen, xa dixemos,  tres relatos recollidos no concello friolés:
Hoxe publicamos o que leva por título "Téñenche unha areíña de sal de máis"-pax 237- dentro do capítulo dedicado aos contos de curas
Di así :
Foi nos tempos aqueles en que non chegaba o sal pol-as aldeias mais que unha vez en cada ano, cando no tempo da matanza víñano trael-os arrieiros coas suas arreatas cangadas, e daquela, nas casas, poñíase un ataño debaixo do picho do baño pra aproveital-a  salmoira; e, ele foi, que o siñor cura da parroquia, que era moi comillón e gustábanlle moito as papas, tiña un viaxe e deixoulle dito á criada:
--Oes, pra cando veña, xa me terás unha boa cunca de papas. 
--Ben está, si siñor.
E o siñor cura marchou, e cando foron horas, a criada fixo as papas; dun barcal tirou a i-auga que o siñor cura non quería senón da fonte do picho, que tiña sona de sel-a millor da parroquia, e do ataño da salmoira botou unha pinguiña coa garfela. 
Cando chegou o siñor cura xa era ben tarde, e traguía tanta fame, que engulipou ele soio meio pote de papas, e xa arrotaba de farto cando dis a criada:
-- E logo, siñor cura, seique están boas? 
-- Oooáaa ! , téñenche unha areiña de sal de mais, -- respondeu. 
E foi daquela que a criada deprocatouse que fixera as papas na salmoira; craro, figurádevos, cómo non había pasar se todol-os ataños eran imitantes? 
Recollido en San Xian de Friol.
(Respectamos a propia grafía do autor)

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.